Xiaomi presenta un novo televisor 4K de 48 polgadas

xoves, 16 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O fabricante Xiaomi continúa a incrementar a súa familia de televisores que por desgraza comercializa polo momento só en China, pero que serven de exemplo do que pode ofrecerse por un prezo tan axustado, animando aos fabricantes a ofrecer cada vez máis prestacións e adaptar os seus prezos ao peto dos consumidores. O novo televisor, que sairá á venda o 22 de xullo, é o Mi TV 2S, que ten un impresionante panel de 48 polgadas con resolución 4K (3.840 x 2.160 píxeles), un potente procesador MStar 6A928 (capaz de decodificar vídeo 4K a 60 cadros por segundo), son Dolby, un marco de aluminio de só 9,9 milímetros de grosor e un prezo de só 2.999 iuans (442,67 euros), aínda que resulta máis popular a compra por 3.999 iuans (590,28 euros) da súa versión máis completa, que inclúe unha barra de son e un subwoofer, de xeito que consegue unha experiencia cinematográfica moito máis completa. Para adaptarse aos gustos dos consumidores incluso venderase en 6 cores distintas, algo ao que estamos afeitos en dispositivos como os smartphones ou os reprodutores multimedia, pero que resulta bastante sorprendente no caso dos televisores.

Lei Jun amosando o reducido grosor do novo televisor

Na presentación deste televisor realizáronse comparacións con outros televisores semellantes de Samsung, Sony e Sharp, con prezos moi superiores, aos que incluso chega a superar en saturación de cor. O televisor tamén integra 2 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0 e sistema operativo MIUI TV baseado en Android 5.0, ou sexa, que sería un dos dispositivos con maior potencial no eido dos Smart TV, por ser capaz de correr infinidade de aplicacións a pantalla completa, entre as que figuran moitas aplicacións que abren o acceso a contidos audiovisuais en liña. Tamén é capaz de reproducir contidos audiovisuais nos formatos máis populares (MKV, MP4, AVI...) chegando incluso a soportar a codificación H.265 (chamada a ser o futuro do vídeo a través da Internet para poder rexistrar imaxe en 4K, especialmente de querer conseguir vídeo a altas taxas de fotogramas) e incorporando incluso un porto USB 3.0 para gozar de boas velocidades de transferencia.

O Mi TV S2 estará dispoñible con marcos de distintas cores

PUBLICIDADE