Xiaomi presenta novos produtos que pronto chegarán a España

martes, 5 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe tres dos seus grandes produtos para os vindeiros meses, polo momento nas súas versións chinesas, aínda que esperándose que en breve cheguen tamén a outros mercados. O produto máis esperado era o Mi CC9 Pro, smartphone que chegará ao mercado internacional co nome de Mi Note 10, e que será o primeiro teléfono de produción masiva cunha cámara de 108 Mpíxeles, que presume de estabilización óptica, tecnoloxía Super Pixel e redución de ruído, que promete fotografías moi ricas en detalles incluso en condicións de pouca luz.
Este novo teléfono chega cun total de 5 obxectivos traseiros, ou sexa, que aparte da cámara principal de 108 Mpíxeles tamén conta cun teleobxectivo de 12 Mpíxeles (con soporte de zoom óptico 2x) e outro de 5 Mpíxeles (con zoom dixital de 10x), ultra grande angular de 20 Mpíxeles e cámara de 2 Mpíxeles para fotografías tipo macro (capaz de enfocar a só 1,5 centímetros de distancia). Tamén contará cunha Premium Edition que mellora o obxectivo incorporado ao sensor de 108 Mpíxeles, o que permítelle situarse nas primeiras posicións de DxOMark cunha puntuación de 121, empatando co Huawei Mate 30 Pro (actual líder en cámaras traseiras en móbiles con Android). Dende DxOMark tamén aseguran que o Mi CC9 Pro Premium Edition ten a mellor puntuación rexistrada até o momento en gravación de vídeo (102) superando ao Google Pixel 4 e ao Samsung Galaxy Note 10+ 5G.
O Mi CC9 Pro tamén pode presumir dunha pantalla curva Full HD de 6,47 polgadas e unha xenerosa batería de 5.260 mAh que pode cargarse ao 100% en só 65 minutos grazas á carga rápida de 30 watts.
Este novo teléfono chegará o 11 de novembro ao mercado chinés, a un prezo de 2.799 iuans (361 euros) para o seu modelo normal (con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento) e de 3.499 iuans (451 euros) para o seu modelo Premium (con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento), estando dispoñible en tres cores distintas (verde, negro e branco).
Prevese que a presentación do modelo internacional, o Mi Note 10, teña lugar en España mañá mesmo, demostrando a importancia que para Xiaomi ten o mercado español.

O primeiro smartwatch de Xiaomi

Pero máis curiosidade espertou o Mi Watch, por seres o primeiro reloxo conectado de Xiaomi, considerado un plaxio descarado do Apple Watch tanto polo seu formato de pantalla cadrado como pola súa interface de uso. Este Mi Watch ten unha pantalla AMOLED de 1,78 polgadas cunha resolución de 326 puntos por polgada, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon Wear 3100 e integra altofalantes, NFC, Wi-Fi, Bluetooth, monitor cardíaco e incluso conectividade móbil, xa que este reloxo inclúe soporte de eSIM (ou sexa, que non competiría do Apple Watch básico, senón coa súa versión con 4G, que ten un prezo de venda de a partires de 549 euros).
O Mi Watch busca ser un bo acompañante para a práctica deportiva, de xeito que conta con 10 modos deportivos (como correr, andar en bicicleta, nadar ou escalar) para facer un seguimento das actividades físicas. Tamén permite analizar a calidade do sono.
A nivel de software estamos ante un produto que a China chegará con MIUI For Watch, sistema operativo con máis dun cento de esferas seleccionables e máis de 40 aplicacións dispoñibles, que pode controlarse tamén mediante voz cun asistente de Xiaomi que facilita así o manexo da música, das chamadas telefónicas e da navegación. Tamén busca integrarse coas solucións domóticas de Xiaomi.
Para usuarios máis esixentes, Xiaomi porá á venda 30.000 unidades dunha Special Edition que destaca polo cristal de zafiro azul na súa pantalla, incluíndo tamén un cargador magnético na caixa.
O Mi Watch sae hoxe á venda en cor prata ou negra a un prezo de 1.999 iuans (258 euros), mentres que a Special Edition custará 2.999 iuans (386 euros) e poderase reservar a partires de mediados de decembro.

Novos televisores

Dende hai anos Xiaomi está a fabricar televisores que non saían dos mercados asiáticos, pero nos últimos meses comezaron a integrar sintonizadores de TDT compatibles con estándares europeos, polo que é moi probable que en breve vexamos televisores de Xiaomi nas nosas tendas de xeito oficial (de importación xa están dispoñibles), de aí que resulte interesante a presentación do novo Mi TV 5, un televisor cun marco de só 1,8 milímetros e un corpo cun grosor de só 5,9 milímetros, de xeito que temos un produto cunha aparencia futurista que encaixa á perfección nos fogares máis modernos.
A familia de televisores Mi TV 5 funciona con potentes procesadores Amlogic T972 de 12 nm, capaces de procesar vídeo a 8K, e que chegarán ao mercado con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento na súa versión normal e con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento na súa versión Pro (que tamén incluirá paneis quantum dot 4K con HDR10+).
Todos os televisores Mi TV 5 integran tecnoloxía de recoñecemento de voz a distancia, ou sexa, que poden manexarse coa voz sen a necesidade de integrar un micrófono no mando a distancia (como fan outras marcas).
Os televisores Mi TV 5 venderanse en tamaños de 55, 65 e 75 polgadas a 2.999, 3.999 e 7.999 iuans respectivamente (386, 515 e 1.030 euros), mentres que os modelos Mi TV 5 Pro custarán 3.699, 4.999 e 9.999 iuans (477, 644 e 1.288 euros) nos mesmos tamaños, deixando claro que Xiaomi no mercado dos televisores non ten as marxes tan axustadas coma no dos smartphones, o que claramente dificulta a súa internacionalición con este tipo de produtos (xa que os fabricantes surcoreanos conseguen ser máis competitivos).

PUBLICIDADE