Xiaomi presenta novos móbiles de gama media con prestacións de gama alta

xoves, 25 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Xusto cando está a desembarcar en España o novo Mi 11 de Xiaomi, que parte dun prezo de 749 euros, dende China presenta a súa alternativa económica, a familia Redmi K40, que ofrece prestacións de alta gama a prezos de gama media, aínda que podemos confiar en que a versión europea non conserve o mesmo nome de modelo.
Os novos smartphones de Xiaomi presentan pantallas AMOLED fabricadas por Samsung e cunha velocidade de refresco de 120 Hz, altofalantes estéreo, soporte de Dolby Atmos, Wi-Fi 6 e baterías de 4.520 mAh (con carga rápida de 33 watts), características que comparten os distintos modelos que diferéncianse basicamente no seu procesador, xa que os Redmi K40 veñen co novo Qualcomm Snapdragon 870, mentres que os Redmi K40 Pro e Redmi K40 Pro+ apostan polo tope de gama, o Snapdragon 888.
Pese a estarmos ante móbiles de gama media, contan cunha pantalla Samsung E4 AMOLED de 6,67 polgadas, cun brillo de 1.300 nits, HDR10+, velocidade de refresco a 120 Hz e unha valoración A+ por parte de DisplayMate, ou sexa, que no tería nada que envexar a móbiles que custan o dobre.
Aparte dos procesadores, os distintos modelos tamén terían a cámara como diferenza, de xeito que o Redmi K40 Pro+ presume dunha cámara traseira tripla cun sensor principal de 108 Mpíxeles, un ultra grande angular de 8 Mpíxeles e un telemacro de 5 Mpíxeles; mentres que o Redmi K40 Pro confórmase cun sensor principal de 64 Mpíxeles e o Redmi K40 cun de 48 Mpíxeles. A cámara frontal, nun orificio en pantalla, ten unha resolución de 20 Mpíxeles. Outra cambio entre versións sería que o modelo básico carece de NFC, emisor de infravermellos e dobre SIM 5G; e a súa memoria RAM LPDDR5 sería lixeiramente máis lenta que nos modelos superiores, ou sexa, diferenzas moi pouco significativas.
O Redmi K40 sae á venda o 4 de marzo a un prezo de parte dos 1.999 iuans (255 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, e chega até os 2.699 iuans (344 euros) para a versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento. O Redmi K40 Pro parte dun modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de capacidade que véndese a 2.799 iuans (357 euros) e chega até un modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento a un prezo de 3.299 iuans (420 euros). E, finalmente, o Redmi K40 Pro+ ten un único modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento cun prezo de 3699 iuans (471 euros). Un amplo abano de modelos que moi probablemente chegue a Europa de xeito reducido, buscando principalmente ofrecer unha alternativa económica ao Mi 11.

PUBLICIDADE