Xiaomi presenta novos móbiles da serie 11

mércores, 15 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Xusto na semana na que Apple presenta novos iPhone dende Xiaomi quixeron programar a presentación de novos produtos, moi probablemente para colocarse no mercado como alternativas económicas aos mesmos, realizando esta proposta con bastante acerto, de xeito que temos novos smartphones, unha tableta e unha pulseira de actividade, que con prezos axustados ofrecen grandes prestacións que deberían ser dabondo para boa parte dos consumidores.
No ámbito dos smartphones temos 3 novos teléfonos da serie 11: o Xiaomi 11T e o Xiaomi 11T Pro (que parecerían querer situarse como alternativas ao iPhone 13 e ao iPhone 13 Pro) e o Xiaomi 11 Lite 5G NE (que buscaría captar a usuarios que poden conformarse cun móbil de gama media).

Xiaomi 11T Pro

O Xiaomi 11T Pro presume de ser o primeiro smartphone do mercado lanzado a nivel internacional que conta cona tecnoloxía de carga rápida de 120 watts de Xiaomi, capaz de cargar completamente un teléfono en só 17 minutos. Este smartphone conta cun procesador Qualcomm Snapdragon 888, acompañado por 8/16 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento interno, deixando claro que é un alta gama que non só se preocupa pola potencia, xa que tamén conta cunha magnífica pantalla AMOLED Full HD+ de 6,67 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz (con Dolby Vision, HDR10+, un brillo de 1.000 nits, dixitalizador táctil a 480 Hz e protección Corning Gorilla Glass Victus), altofalantes estéreo con Dolby Atmos deseñados por Harman Kardon e unhas cámaras especialmente notables: un grande angular de 108 Mpíxeles, un ultra grande angular e un telemacro 2x. A cámara do móbil conta con modos de gravación cinematográficos apoiados por intelixencia artificial e incluso permite gravar en 8K con HDR10+. Ten un prezo de entre 649 e 749 euros en función da RAM e do almacenamento interno, polo que custaría preto da metade que os móbiles de Apple cos que pretende compararse.

Xiaomi 11T

Cun prezo máis competitivo podemos optar polo Xiaomi 11T, que con 8 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento venderase a 499/549 euros, o que é un prezo bastante axustado se temos en conta que mantén as cámaras e a pantalla do seu irmán maior, con seguindo reducir custos reducindo a velocidade de carga (que é de 67 watts, o que segue a ser unha velocidade de impresión) e conformándose cun procesador MediaTek Dimensity 1200-Ultra.

Xiaomi 11 Lite 5G NE

Para quen non precisa de tanta forza bruta nin de especificacións tan elevadas, temos o Xiaomi 11 Lite 5G NE, que destaca polo seu grosor de só 6,81 milímetros e o seu peso de 158 gramos, de aí que incluso pode resultar máis atractivo que os móbiles insignia da compañía, mantendo unhas prestacións moi boas, xa que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 778G 5G, 6/8 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento.
Este elegante teléfono loce unha pantalla AMOLED de 6,55 polgadas con soporte de Dolby Vision, ten unha batería de 4.250 mAh con carga rápida de 33 watts e a súa cámara traseira tripa ten un sensor principal de 64 Mpíxeles, ultra grande angular de 8 Mpíxeles e telemacro de 5 Mpíxeles, así como unha cámara frontal de 20 Mpíxeles. O seu prezo parte dos 369 euros, polo que chegará a un público moito máis amplos que os modelos de alta gama cos que se presentou.
Todos estes móbiles chegan con 5G, Bluetooth 5.2, Wi-Fi 6, dobre SIM, NFC, emisor de infravermellos, altofalantes estéreo e lector de impresións dixitais lateral, resultando uns produtos moi completos e atractivos que pretenden colocarse como referentes das gamas media e alta de fabricantes chineses.

PUBLICIDADE