Xiaomi pon á venda unha barra de son 3.1

martes, 1 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

A un prezo de 279 euros chega a España a nova Xiaomi Soundbar 3.1ch, unha potente barra de son que suma unha potencia de saída de até 430 watts, é compatible con son DTS Virtual:X/Dolby Audio 3.1, ten un subwoofer sen fíos para conseguir unha experiencia envolvente e incluso pode ligarse rapidamente co noso smartphone con só achegalo á barra (grazas á tecnoloxía NFC e ao Bluetooth 5.0).
Para conseguir unha experiencia estéreo 3.1 cunha experiencia de escoita envolvente esta barra de son integra 3 altofalantes de rango completo, 3 tweeters e un woofer independente. Conta con varios modos de son para adaptarse ás distintas necesidades do usuario, entre os que destaca un modo IA que se adapta ao contido que se reproduce a cada momento, e o modo nocturno, para poder somerxerse nas películas a altas horas da madrugada sen espertar a ninguén.
A nova barra de son de Xiaomi ten un deseño metálico moderno, a súa pantalla OLED de matriz de puntos completa un deseño totalmente integrado e inclúe un botón na parte superior para un control máis rápido e cómodo. Un produto bastante interesante para usuarios esixentes a nivel sonoro, que buscan evitar complexas instalacións de cine en casa, gozando igualmente dunha experiencia sonora rica e inmersiva.

PUBLICIDADE