Xiaomi pon á venda un tradutor automático de peto

xoves, 3 de maio do 2018 Marcus Fernández

Xiaomi está a vender en China un novo dispositivo que semella ser moi interesante para viaxeiros: o tradutor automático Konjac AI, que nun tamaño compacto semellante ao dun reprodutor de MP3 (ou unha gravadora de voz) e con só 63 gramos de peso é capaz de realizar traducións simultáneas en 14 idiomas (ampliables no futuro) grazas á colaboración entre Xiaomi e Microsoft no campo da intelixencia artificial.
O Konjac AI pode traducir novas, predicións meteorolóxicas, cancións... e incluso pode integrarse con WeChat para traducir as mensaxes recibidas a través desta aplicación de mensaxería tan popular no país asiático. Ten conectividade Wi-Fi, a súa batería de 900 mAh pode cargarse por USB en hora e media (achegando unha autonomía de até 8 horas de uso) e véndese en cor prata e gris escuro a un prezo de só 249 iuans (32,65 euros).

JPEG - 82.9 KB
Este trebello pode resultar de grande utilidade para rachar a barreira idiomática
JPEG - 133.1 KB
O dispositivo presume de tamaño compacto e deseño elegante

PUBLICIDADE