Xiaomi leva Android ao televisor cun novo reprodutor multimedia conectado

mércores, 14 de novembro do 2012 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi, relativamente coñecido polos seus teléfonos móbiles, sorpréndenos agora levando Android ao televisor a través do seu Xiaomi Hezi, un dispositivo que pode lembrarnos ao Apple TV, conectándose ao televisor por HDMI e controlándose mediante un mando a distancia que facilita o acceso en liña a un importante catálogo de contidos audiovisuais (aseguran superar as 100.000 referencias entre películas, documentais, series de televisión...), á reprodución multimedia dos formatos máis populares, o uso de videoxogos para Android e incluso a recepción de contidos multimedia mediante DLNA, Miracast e Airplay, de xeito que as fotografías, os vídeos ou a música que teñamos nun móbil con Android, nun iPhone ou nun iPad poderán amosarse no noso televisor dun xeito doado, para compartilos con amigos e familiares. Pero o mellor deste produto tan versátil é que o seu prezo é de só 399 iuans (50,35 euros).

O Xiaomi Hezi ten un tamaño moi compacto

Este pequeno trebello funciona cun procesador Cortex A9 a 800 MHz, 1 Gb de RAM, ten saída HDMI (a 720p ou 1080p), micro USB, Fast Ethernet e Wi-Fi N. Reproduce vídeo en H.264, VC-1, WMV-HD, MPEG 1/2/4 (ata 1.080p a 30 cadros por segundo) e Real 7/8/9 (ata 720p a 30 imaxes por segundo), así como audio en MP3 (de entre 64 e 320 Kbps), WMA (de entre 64 e 320 Kbps) e APE/FLAC (ata 1.500 Kbps).
Polo momento o dispositivo de Xiaomi só chega con interface de uso en chinés, polo que entendemos que non hai plans de vendelo internacionalmente, pero o seu concepto pode animar a outras compañías a seguir un paso semellante para dotar de conectividade aos televisores de alta definición máis básicos dun xeito tan económico como completo.

O reprodutor achega máis de 100.000 referencias audiovisuais de xeito legal
Os trebellos con Android poden levar os seus contidos ao Hezi mediante DLNA e Miracast
O Xiaomi Hezi inclúe AirPlay para poder compartir os contidos de iPhone e iPad dende o televisor


Vídeo promocional do Xiaomi Hezi

PUBLICIDADE