Xiaomi independiza a marca POCO

venres, 17 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Hai ano e medio Xiaomi sorprendeu ao mundo comercializado o Poco F1, un smartphone con prestacións de alta gama pero cun prezo de gama media, ideal para os que querían un teléfono potente para xogar e outras tarefas esixentes, pero non precisaban dun acadado premium ou de certas características que podían resultar superfluas (pero que incrementan considerablemente o prezo).
Precisamente cando Xiaomi abriu a súa tenda oficial na Coruña, o Poco F1 era un dos motivos polos que moitos achegábanse ao establecemento, xa que era unha das mellores posibilidades para facerse cun terminal que tiña máis problemas de stock no territorio español, polo que estaba moi perseguido. Que un móbil con esas prestacións puidese mercarse por a partires de 299 euros era moi tentador, especialmente se temos en conta que demostrara ter unha cámara de calidade.
Parecía que Xiaomi conseguira unha receita para o éxito, e non eran poucos os consumidores que estaban a agardar polo Poco F1, que finalmente non chegou no verán para a súa decepción, pero que finalmente podería ver a luz nas vindeiras semanas, xa que Xiaomi vén de anunciar que a súa marca POCO vai converterse nunha compañía independente, como fixo no pasado con Redmi. Deste xeito será máis doado que a boa sona do Poco F1 poida aproveitarse para produtos futuros, que segundo os rumores non se limitarían ao Poco F2, senón que xa habería outros terminais noutros rangos de prezo previstos.
A diversificación de marcas por parte de Xiaomi resulta bastante confusa para o consumidor, xa que tende a haber solapamentos e, de feito, ao internacionalizar os dispositivos incluso é posible que un terminal salte dunha marca a outra, de aí que o Redmi K20 en España estea á venda como Mi 9T por considerarse que é un dispositivo demasiado avanzado para venderse baixo unha marca de gama media. En breve veremos se acontece o mesmo con POCO.

PUBLICIDADE