Xiaomi estrea televisores de 82 polgadas

luns, 28 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Aínda que non esteamos afeitos a asociar marcas como Xiaomi a produtos de luxo, no mercado chinés este fabricante ousa lanzar produtos de moi alta gama, como os seus novos televisores Mi TV LUX de 82 polgadas, que chegan a incluír tecnoloxías que aínda non incorporaron moitos outros fabricantes mellor establecidos no mercado.
O televisor máis impresionante sería o Mi TV LUX 82” Pro, que está equipado cun panel Mini LED de 82 polgadas e resolución 8K, ofrecendo un brillo de até 2.000 nits, e que tampouco quere quedar curto a nivel sonoro, de xeito que no momento do seu acendido desprega un par de barras de son laterais para ofrecer son de calidade con soporte de Dolby Atmos, conseguindo así unha experiencia que que en moitas estancias poderiamos considerar cinematográfica.
Este televisor tamén está equipado con MIUI para poder acceder ás principais aplicacións e contidos multimedia en liña, ten 4 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno, 3 portos HDMI, 2 portos USB, conexión Gigabit Ethernet e, por se non chegaba coa súa conectividade Wi-Fi, tamén ten espazo para conectarse dunha SIM para gozar da banda larga móbil 5G.
Estamos claramente ante un televisor que se sae do normal, de aí que o seu prezo de venda sexa de 49.999 iuans (6.277 euros).
Para o 21 de outubro Xiaomi ten previsto pór á venda o Mi TV LUX 82”, un televisor moito máis modesto, como ben indica o seu prezo de 9.999 iuans (1.255 euros) que limita a resolución da súa pantalla a 4K e o seu brillo a 1.000 nits (o que segue a ser un bo dato para conseguir un HDR impactante). O seu almacenamento interno confórmase con 64 GB, carece de conectividade 5G, e tampouco conta coas barras de son laterais, pero polo demais segue a ser un televisor de alta gama moi competente e dun tamaño xeneroso, que incluso poderiamos dicir que ten un prezo bastante competitivo (en España os televisores de 82 polgadas máis económicos sitúanse entre os 1.600 e os 2.000 euros).

PUBLICIDADE