Xiaomi convértese no terceiro fabricante de móbiles a nivel mundial

venres, 30 de outubro do 2020 Marcus Fernández

As grandes consultoras están a facer balance do mercado de smartphones do terceiro trimestre de 2020, coincidindo todas no feito de que Samsung consegue manter o seu liderado mundial, seguido por Huawei, compañía que consegue manter unha boa posición pese aos problemas co veto estadounidense (o que indica a súa boa saúde dentro de China), mentres que Xiaomi consegue arrebatar o terceiro posto da táboa a Apple, pese a que a compañía chinesa limita o seu éxito a mercados moi puntuais (lembremos que os fabricantes chineses apenas teñen presenza comercial nos EE.UU.).
Outros fabricantes que tamén conseguen facerse notar son os chineses Vivo, Oppo e Realme, os tres do grupo BBK, que ocupan os seguintes postos da táboa, superando a Lenovo (compañía á que pertence actualmente Motorola) e LG (que camiña cara á irrelevancia tal e como fixeron no pasado grandes marcas como Sony, Nokia e HTC).
Se miramos a evolución do mercado no último ano temos que a Samsung consegue manter cota cun 23% (o que supón un crecemento anual do 2%), mentres que os problemas de Huawei fixeron que a compañía caese un 23% até unha cota de mercado do 14,9%, quedando moi preto de Xiaomi (13,5%) que medrou un 45%. Apple, pola contra, caería un 1% quedando cun 12,4% do mercado global, mentres que o resto de fabricantes non chegarían ao 10% de cota cada un, aínda que cuns índices de crecemento notables, xa que Oppo medraría un 26%, Vivo un 38% e Realme un 132%, converténdose na marca que medra a máis velocidade.
Cómpre salientar que se o grupo BBK non repartise o mercado entre varias marcas (Oppo, Vivo, Realme e OnePlus) podería considerarse o segundo fabricante a nivel mundial, quedando moi preto de Samsung en número de unidades colocadas no mercado.
Pero deixando de lado o reparto do mercado por parte das marcas, o importante deste último trimestre é que o número de smartphones postos en circulación foi de 348 millóns de unidades, ou sexa só un 1% menos que no mesmo período de 2019, o que supón unha importante mellora fronte os dous anteriores trimestres, tocados polo confinamento, o que supuxo unha caída de vendas de móbiles moi pronunciada, provocada tanto polo peche das tendas como das fábricas. Podemos deducir así que o mercado recuperou a normalidade, e tamén podemos anticipar que no 4º trimestre do ano as posicións de Xiaomi e Apple poderían intercambiarse por mor da saída dos novos iPhone, aínda que ao falar de número global de unidades (e non de volume económico) é posible que o fabricante chinés poidan manter a súa boa posición a nivel mundial.

PUBLICIDADE