Xiaomi compite co MacBook Pro co seu novo portátil

luns, 11 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Xiaomi quixo aproveitar a expectación creada pola presentación do seu Mi MIX 2 para dar conta doutros novos produtos, incluso afastados do sector móbil, como o novo ordenador portátil, o Mi Notebook Pro, que a simple vista semella a versión chinesa do MacBook Pro de Apple, de xeito que podemos atopar un ordenador cunha aparencia semellante ao da compañía da mazá, unhas prestacións máis que satisfactorias par un usuario medio, pero un prezo de venda que sería unha fracción do que custan os equipos de Apple (aínda que cómpre salientar que son moito máis avanzados se imos ao detalle).
O Mi Notebook Pro é un portátil con Windows 10 que ten unha pantalla Full HD de 15,6 polgadas con Corning Gorilla Glass 3, procesador Intel Core i5/i7 de 8ª xeración, 8/16 GB de RAM, 256 GB de SSD, gráfica discreta nVIDIA GeForce MX150, touchpad con lector de pegadas dixitais integrado (compatible con Windows Hello), teclado (en inglés) retroiluminado cunha área un 19% maior que a do MacBook Pro, Wi-Fi AC, lector de tarxetas 3-en-1, USB-C con carga rápida (pode completar a metade da batería en só 35 minutos), corpo de metal, un grosor de 15,9 milímetros e un peso de 1,95 quilogramos.
Os prezos de venda destes equipos están moi contidos, e así temos que a versión con procesador Core i5 e 8 GB custará 5.599 iuans (718), con procesador Core i7 e 8 GB de RAM terá un prezo de 6.399 iuans (820 euros) e na máxima configuración, con procesador Core i7 e 16 GB de RAM, o prezo queda en 6.999 iuans (897 euros), o que está moi lonxe do MacBook Pro de 15 polgadas máis básico que actualmente está á venda (por 2.255,59 euros sen Touch Bar e 2.805,59 euros con Touch Bar e Touch ID).

PUBLICIDADE