Xiaomi comercializa un espertador que tamén fai de altofalante sen fíos

xoves, 13 de outubro do 2016 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi continúa a comercializar produtos que van máis aló dos smartphones, entre os que agora temos un reloxo espertador que serve tamén de altofalante Bluetooth 4.1, polo que é unha solución bastante axeitada ao hábitos actuais, xa que achega a música á mesa do dormitorio á vez que axúdanos a espertar polas mañás.
O Mi Music Alarm Clock é un espertador con forma circular cun diámetro de 107 milímetros e un ancho de 57 milímetros que só pesa 300 gramos e funciona cunha batería recargable por micro USB de 2.600 mAh de capacidade que achega unha autonomía de até 360 horas en espera e 8-10 horas de reprodución musical.
Sobra dicir que o grande atractivo deste accesorio para o dormitorio é o seu prezo, xa que custa 199 iuans (26,76 euros), aínda que o seu deseño tamén é bastante orixinal, xa que os números das horas actuais vense grazas á retroiluminación, e tanto o volume da música como a hora do espertador e das alarmas contrólanse xirando o seu grande botón superior.

O espertador amosa a hora actual mediante retroiluminación dos seus números

PUBLICIDADE