Xeopesca introdúcenos na gravación e edición de audio con software libre

venres, 12 de maio do 2017 Redacción

O vindeiro sábado 20 de maio temos cita en Compostela coas técnicas máis innovadoras de audio que nos achega o cada vez máis vizoso e completo ámbito do software libre. O Obradoiro de Edición de Audio celebrarase no Centro Sociocultural de Caramoniña de Santiago, da man do colectivo Xeopesca e co obxectivo de dotar aos participantes dos coñecementos básicos teóricos e prácticos sobre tecnoloxías open source de son: dende ferramentas e recursos para capturar audio até metodoloxías para a edición básica. O obradoiro será de 7 horas, en horario partido de mañá e tarde.
Segundo nos conta Pablo Belay dende a organización, será imprescindíbel que acudamos co noso portátil, co cargador e cuns cascos ou auriculares, amais de termos instaladas no equipo as máis recentes versións dos programas Audacity ou VLC (o reprodutor libre e compatíbel con practicamente calquera formato).
O obradoiro, nun plano máis detallado, aprenderanos como realizar de maneira correcta unha gravación con software libre, como editar gravacións con Audacity, como converter e importar entre os diferentes formatos ou como agregar efectos ao son. A nivel práctico, faremos gravacións con diferentes dispositivos en diferentes situacións acústicas, nivelización e ecualización dos equipos e máis prácticas de edición e montaxe dun programa con músicas e recursos sonoros.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE