Xbox e Bethesda presentaron novidades no Developers_Direct

venres, 27 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Esta semana Microsoft celebrou un evento de presentación de novidades da súa división de videoxogos titulado Developers_Direct, no que os equipos de Xbox e Bethesda amosaron detalles de títulos que están de camiño para Xbox, PC e Game Pass como Forza Motorsport, Minecraft Legends, Redfall e o vindeiro capítulo de The Elder Scrolls Online, aínda co que máis se quedaron a meirande parte dos usuarios que seguiron a emisión en directo é co anuncio de Hi-Fi RUSH, un xogo de acción e ritmo de Tango Gameworks que sorprendente se lanzou ao momento a través de Game Pass para Xbox Series X|S e PC.
Este último xogo, do que non transcendera nada antes da súa presentación, foi unha agradable sorpresa. Sitúa ao xogador nun mundo que se move ao ritmo da música e os xogadores asumen o rol de Chai, un lacazán que aspira a ser unha estrela de rock, que ten un reprodutor musical fusionado no seu peito. Debe defenderse mediante combates rítmicos que inclúen temas licenciados de bandas de rock emblemáticas como Nine Inch Nails e The Black Keys.
De Minecraft Legends, un xogo de acción e estratexia desenvolvido por Mojang Studios e Blackbird Interactive amosáronse detalles e confirmouse que verá a luz o 18 de abril para Xbox Game Pass, PC Game Pass, Windows 10/11, Xbox Series X|S, Xbox One, PS4, PS5, Steam e Nintendo Switch.
O agardado Redfall de Arkane, é un ambicioso shooter en primeira persoa narrativo e cun mundo aberto no que poderemos cazar vampiros en modo individual e multixogador, lanzándose este título o 2 de maio a través de Game Pass para Xbox Series X|S e PC.
Tamén se confirmou que The Elder Scrolls Online: Necrom chegará en xuño , mentres que do novo Forza Motorsport só concretaron que chegará en 2023.
Para moitos foi unha decepción que na presentación non afondasen en Starfield de Bethesda Game Studios, pero explicaron que iso era así porque están a preparar un evento independente que se centrará unicamente no que promete ser un dos xogos máis importantes do presente ano.

PUBLICIDADE