Xbox LIVE Gold e Xbox Game Pass poderían contratarse conxuntamente en breve

venres, 5 de abril do 2019 Marcus Fernández

O pasado verán Microsoft lanzou nos EE.UU. o programa Xbox All Access, que facilitaba a contratación conxunta dos servizos Xbox LIVE Gold e Xbox Game Pass xunto coa compra aprazada dunha consola Xbox One, de xeito que por 21,99 dólares/mes é posible conseguir unha Xbox One S (con 1 TB de disco duro) en 24 meses, mentres que por 34,99 dólares/mes permite a compra dunha Xbox One X. Esta experiencia parece ter conseguido un bo resultado, xa que agora está a comentarse con certa forza que estaría en preparación o Xbox Game Pass Ultimate, que por 14,99 dólares/mes incluiría Xbox LIVE Gold e Xbox Game Pass.
A combinación dos dous grandes servizos de subscrición de Xbox sería moi interesante, xa que suporía un aforro duns 5 dólares/mes, aínda que o máis importante é que podería disparar a contratación de Xbox Game Pass, que ofrece un catálogo de máis dun cento de xogos para Xbox One combinando títulos de fondo de catálogo con todas as producións dos estudios de Microsoft (incluíndo as últimas novidades), ou sexa, que suporía un importante pulo aos xogos en formato descargable, reforzando os rumores de que en breve podería chegar ao mercado unha versión da Xbox One S sen lector de Blu-ray.
Será esta a iniciativa que sente os alicerces para que na vindeira xeración de consolas os videoxogos descargados teñan máis peso no mercado que os mercados en formato físico?

PUBLICIDADE