Xapón inicia emisións televisivas por satélite en 8K

luns, 3 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Nun momento no que a ultra alta definición no ámbito audiovisual semella máis un reclamo comercial para vender televisores que unha realidade, dende o Xapón queren seguir avanzando na definición das retransmisións televisivas, chegando a un nivel un tanto absurdo, xa que o pasado sábado celebraron unha cerimonia para iniciar emisións en 4K e 8K por parte da NHK.
Dende as 10:00 horas do sábado a NHK ten operativas as canles de satélite BS4K e BS8K con emisións en 4K e 8K, aínda que no caso do 8K o seu alcance será pouco menos que anecdótico, porque practicamente non hai no mercado sintonizadores e televisores compatibles (como o Sharp Aquos LV-70X500E) con tal resolución que excede por moito a demanda actual do consumidor. Os propios fabricantes de electrónica do consumo non están ben preparados para esta nova resolución e, de feito, para poder achegar 8K de xeito externo actualmente é preciso empregar 4 cables HDMI (xa que aínda non hai pantallas que teñan unha versión de HDMI capaz de transmitir resolucións tan elevadas).
NHK sería a primeira canle do mundo en ofrecer contidos en 8K con son 22.2, contando por momento con moi poucos contidos en tal calidade e, de feito, para poder ofrecer o filme 2001: Unha Odisea do Espazo tiveron que redixitalizar a película orixinal de 70 milímetros (o feito de que se gravase en 70 milímetros en vez de en 35 milímetros axudou a que puidesen conseguir unha grande resolución na súa dixitalización).
Esta aposta polo 8K realízase coa vista posta nos Xogos Olímpicos de 2020, nos que o Xapón quere amosar o seu músculo tecnolóxico, aínda que sexa realizando unhas retransmisións que non poderá apreciar practicamente ningún consumidor.

Vídeo promocional das novas emisións xaponesas en 4K e 8K

PUBLICIDADE