Xa se poden presentar traballos aos premios de transferencia tecnolóxica da RAGC

luns, 1 de abril do 2019 Redacción

Os galardóns galegos que recoñecen os nosos meirandes éxitos na comunicación-colaboración entre investigadores e centros tecnolóxicos, por unha banda, e empresas, pola outra, veñen de abrir o prazo para a presentación de candidaturas. Trátase dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2019, convocados novamente pola Real Academia de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta. O prazo ficará aberto até o 31 de maio.
O detalle das bases e os formularios para a presentación de candidaturas están dispoñibles nas webs da RAGC (ragc.gal) e da GAIN (gain.xunta.gal). Segundo informan as dúas entidades, o proceso será totalmente telemático e está aberto a grupos de investigación, PEME e grandes empresas. O certame, que chega á súa quinta edición, busca recoñecer casos de éxito en transferencia en Galicia e difundilos entre a cidadanía e, en particular, entre a comunidade investigadora e empresarial.
As modalidades reformúlanse a partir desta edición para que grupos de investigación e empresas teñan un mellor recoñecemento ás súas prácticas neste ámbito.
O Premio Francisco Guitián Ojea está dirixido a grupos de investigación que, a través do seu labor en I+D aplicada, desenvolveran unha tecnoloxía susceptíbel de ser aplicada ao sector empresarial pero que aínda non fose transferida. A dotación do premio ascende a 6.000 euros e pode presentarse calquera grupo, coa única condición de que estea adscrito a un centro tecnolóxico ou de investigación emprazado en Galicia.
No caso do Premio Fernando Calvet Prats recoñecerase o traballo dun grupo de investigación no que a tecnoloxía creada fose xa transferida con éxito ao sector empresarial. Os destinatarios son, igual que na modalidade anterior, grupos radicados en Galicia e a dotación é tamén de 6.000 euros.
O Premio Ricardo Bescansa Martínez busca o caso de éxito máis representativo de innovación empresarial acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. Poden concorrer empresas de calquera tamaño (galegas ou cun centro de traballo en Galicia) que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. A dotación é de 6.000 euros.

PUBLICIDADE