Xa se pode solicitar en liña o voto por correo para as Eleccións Xerais
mércores, 31 de maio do 2023
Correos informou de que xa é posíbel solicitar
en liña o voto por correo para as Eleccións Xerais que se
celebrarán o domingo, 23 de xullo de 2023. Os electores que
decidan votar a través deste método poderán solicitalo antes do día
13 de xullo (inclusive) por vía telemática ou presencialmente en calquera oficina de Correos de España.
Solicitude online
Os electores poden solicitar o seu voto a través
da web de Correos, sen ter que acudir en persoa a
unha oficina postal. Neste modelo de solicitude ten a vantaxe principal de evitar desprazamentos. O interesado debe acreditar a súa identidade mediante
sinatura electrónica e aceptándose como sistemas de identificación
válidos os certificados de persoa física recoñecidos polo
Ministerio de Industria e o DNI electrónico (DNI-e). Tamén é preciso que o ordenador dende o que se presenta a solicitude teña instalada a aplicación de AutoFirma.
Solicitude de voto por correo en oficinas
A solicitude de voto por correo pode realizarse en
todas as oficinas de Correos de España. Esta petición debe ser
realizada persoalmente por cada elector, salvo en caso de enfermidade
ou discapacidade (acreditada mediante certificación médica oficial)
que lle impida a formulación persoal da devandita petición. Neste
caso pode ser presentada en nome do elector por outra persoa
autorizada de xeito notarial ou consular.
No momento de formular a solicitude, as persoas
interesadas deben acreditar a súa identidade presentando ante o
empregado da oficina postal o DNI, pasaporte ou carné de conducir
orixinais.
Co obxectivo de “axilizar os trámites e evitar
esperas”, a compañía ofrece a opción de cita previa para a
solicitude do voto en oficinas, a través da aplicación móbil de
Correos, a súa web ou a Oficina Virtual. O elector só debe
seleccionar a oficina dispoñíbel que teña cita previa e, por
último, elixir o día e a hora que máis lle conveña.
Correos entregará as solicitudes recibidas nas
delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral, quen enviará
aos solicitantes, a partir do 3 de xullo, a documentación necesaria
para que poidan exercer o voto por correo.
O prazo de depósito do voto por correo finalizará
o 19 de xullo de 2023.