Xa podemos solicitar as axudas para dixitalización e contratación do programa PEL 2020 da Deputación da Coruña

luns, 1 de xuño do 2020 S. P.

As pemes e autónomos que precisen axudas para afrontar con novo equipamento e ferramentas a desescalada (por exemplo incrementando o seu proceso de dixitalización) ou para ampliar equipo profesional, xa poden solicitar as do programa PEL 2020 (PEL-PEMES e PEL-Emprende) que vén de convocar a Deputación da Coruña e cuxo prazo reabriuse con este mes de xuño (até o día 11) logo de ter sido aprazado por mor do Estado de Alarma. Con estas axudas, sinala a entidade provincial, as empresas e os profesionais por conta propia poderán adquirir equipamento informático ou financiar o salario dunha traballadora ou traballador durante un período dun ano.
A liña PEL-PEMES subvencionará as pequenas empresas e autónomos con sede nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña para a contratación laboral dunha persoa en situación de desemprego durante un período de 12 meses. Como dixemos, a Deputación financiará o 70% do soldo e a Seguridade Social do/a traballador/a contratado/a, ata un máximo de 15.400 euros anuais.
Polo que respecta á liña PEL-Emprende, está destinada a autónomos e empresas da provincia da Coruña con menos de cinco anos de antigüidade e sede social en calquera dos concellos da provincia. As axudas desta sección cubrirán ata o 70% do investimento, cun máximo de 17.500 euros, para a compra de aplicacións informáticas, maquinaria, útiles, mobiliario e equipos para procesos de información. “Todos eles deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa”, explica a Deputación nas bases.
A maiores do devandito e relacionada directamente con PEL-PEMES, a entidade provincial habilitou a liña Mantemento, coa que se subvenciona o mantemento das contratacións laborais indefinidas da convocatoria anterior do programa durante un ano máis. Deste xeito, as empresas poden optar a unha nova axuda para manter o posto de traballo creado en 2019 durante 12 meses máis. Nestes casos, a Deputación financiará o 50% do soldo e Seguridade Social do traballador/a cun importe máximo de 11.000 euros anuais. Estes contratos son sempre de carácter indefinido.

PUBLICIDADE