Xa podemos descargar Angry Birds Transformers para iOS
mércores, 15 de outubro do 2014
A nova aposta de Rovio para continuar a explotar a franquía
de Angry Birds continúa a avanzar, e
hoxe estréase a nivel mundial, tras a súa pre-estrea en
Finlandia e Nova Zelandia, o agardado Angry
Birds Transformers, aplicación universal que podemos descargar de balde
da App Store xa que adopta a fórmula do free-to-play,
e que supón un importante cambio fronte ao resto de xogos da mesma marca, xa
que fusiona aos paxaros anoxados cos robots Transformers nunha aventura con
gráficos 3D que vén a ser un shooter
no que se herdan elementos propios dos Angry
Birds clásicos (para destruír aos Deceptiporcos poderemos destruír as
estruturas ao seu redor apuntando aos seus puntos febles).
- O xogo abre homenaxeando a serie de debuxos animados orixinal dos Transformers
Os Auotopaxaros fan uso de armas láser, pode transformarse en vehículos e, tras
iniciar o seu combate cos Deceptiporcos decátanse que para salvar a Illa
Porquiño dos Obots deberán unir forzas cos seus inimigos xurados, dándolle algo
máis de variedade a un xogo que incluso aproveita certo efecto nostálxico
abrindo cun vídeo no que homenaxean á primeira serie televisiva dos
Transformers.
De todos os xeitos, o cambio de xénero dos Angry
Birds non parece estar a ser moi ben recibida, e hai quen considera que esta
franquía está en clara decadencia, estando destinada a perder a relevancia como
xogos que parecen ser unha mera desculpa para manter a franquía viva de cara á
comercialización de produtos de derivados.
Os usuarios de Android deberán agardar ao vindeiro 30 de outubro para poder descargar este novo xogo de Google Play.