Xa pode reservarse o iPad dende España

luns, 10 de maio do 2010 Marcus Fernández

A partir de hoxe é posible encargar dende España, e a través da páxina web de Apple, un iPad en calquera das súas 6 versións, de xeito que remitiríanse aos seus compradores o vindeiro 28 de maio, á vez que desvélanse os prezos dos distintos accesorios para o tablet da compañía da mazá e detállanse as tarifas de datos 3G válidas para o iPad e comercializadas tamén dende a web da empresa de Cupertino.
Entre os accesorios que estarán dispoñibles para o iPad estarían a funda (39 euros), a base (29 euros), o kit de conexión para cámara (29 euros), o adaptador de conector dock a VGA (29 euros), o adaptador de corrente (29 euros) e o teclado/base (69 euros).

PNG - 27.4 KB
Xa son públicas as tarifas de banda larga móbil para o iPad 3G en España

No tocante ao acceso á Rede dende o iPad 3G, o pasado venres xa comentamos as tarifas de Orange e Movistar, e hoxe foi a propia Apple a que desvelou a oferta de Vodafone de cara a este trebello, o que resultou bastante decepcionante por non estar a altura dos seus competidores, xa que o operador británico limitouse a unha tarifa cun tráfico mensual a máxima velocidade de 200 Mb por 15 euros e outra oferta con 2 Gb de transferencia por 32 euros/mes. Con ambas tarifas, superado o limite imposto a velocidade baixará dun máximo de 7,2 Mbps a 128 Kbps.

JPEG - 55.7 KB
Os impostos marcan a diferenza de prezo do iPad entre os distintos países

Temos así que a única compañía que lanzou unha oferta rechamante para o iPhone sería Movistar, ao permitir compartir as tarifas de datos para smartphones co iPad sempre que teñan un custo mensual de máis de 25 euros, mentres que as tarifas de Orange e Vodafone poderían estar destinadas a competir coas OMV, que poderían ser unha interesante opción para dotar de conectividade ao iPad 3G, aínda que todo dependerá da dispoñibilidade de tarxetas microSIM con estas compañías (aínda que é doado transformar unha tarxeta SIM noutra microSIM).
Agora que estes datos están oficializados polas páxinas web de Apple, chegan algunhas críticas sobre a disparidade de prezos do iPad en todo o mundo, ao que o propio Steve Jobs respondeu que era todo consecuencia dos impostos que hai en cada país, o que analizaron nunha interesante táboa comparativa que deixa claro que o IVE e outros impostos locais son o principal factor para que o iPad sexa lixeiramente máis caro fóra de EE.UU.

PUBLICIDADE