Xa hai gañadores no certame de presentacións electrónicas de Nadal

martes, 20 de decembro do 2011 Redacción

O equipo de cativos gañadores do concurso

Finalmente xa hai gañadores no certame de presentacións electrónicas de Nadal convocado por Política Lingüística. Segundo informa o departamento da Xunta, impuxéronse no certame as alumnas e alumnos do sexto curso de infantil do CEIP da Castellana, en Aranga, A Coruña, acadaron o primeiro desta iniciativa, cunha obra dixital, feita coa axuda da profesora Alba María Fernández Castedo, que convida a felicitar as festas en galego.
O segundo premio do concurso recaeu na presentación de Ana Martínez Rey, mentres que o xurado decidiu outorgar un terceiro premio compartido para os traballos do Colexio de Educación Especial A Barcia e do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, presentados polas profesoras Rita Nogueira Cartelle e Beatriz López Martín, respectivamente. Para quen queira ver as presentacións gañadoras, dicirlle que xa as ten na Rede, na web de Política Lingüística. Por certo que cada unha das propostas que obtiveron recoñecemento recibirán cadanseu feixe de produtos de lecer na nosa lingua, ao tempo que servirán de obxecto para unha galería de presentacións a partir dunha escolma de todos os traballos presentados ao concurso, que tamén estará dispoñible na Rede
O xurado do premio, formado por persoal técnico da secretaría xeral e mais polo gañador da primeira edición do concurso, Manuel Bermúdez, elixiu as presentacións gañadoras entre os 278 traballos que participaron no certame, cifra que duplicou o número de obras presentadas no ano 2010. Todas as presentacións, a gran maioría cunha alta calidade, xiran arredor do significado destas datas, con propostas para felicitar o Aninovo, o Día de Reis ou as festas de Nadal en xeral.

PUBLICIDADE