Xa hai 2.242 firmas TIC galegas, 169 máis ca no período anterior

luns, 19 de outubro do 2015 Redacción

Estas días fixéronse públicos os principais datos da Enquisa ás empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia edición 2015, elaborada polo observatorio OSIMGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) co fin de amosar o estado de saúde actual do noso sector das novas tecnoloxías dixitais. O informe ábrese poñéndonos en situación: para quen non o saiba, a cifra de firmas galegas TIC está arestora nas 2.242. En total, son 169 máis ca no período anterior (2010-2013). Segundo salienta AMTEGA, estes números sitúan á nosa terra “como a quinta Comunidade” en cuestión de tecido empresarial TIC. Porén, a axencia tamén lembra que se ben o sector galego ten moitas empresas integrantes, tamén é certo que “o 83,4% das firmas TIC galegas ten un máximo de dous empregados”.
No informe saliéntase que o volume de negocio de todas elas superou os 2.396 millóns de euros no ano 2014, “un 4,6% máis que no ano 2013”. A investigación tamén engade que o 76,7% do volume de negocio corresponde a clientes galegos e un 15,5% a clientes do resto de España.
Explícase, asemade, que o tecido tecnolóxico-dixital galego dá emprego a 14.400 traballadores, que representan o 1,6% das afiliacións á Seguridade Social en Galicia (un 77,1% pertencen ao réxime xeral de cotización da Seguridade Social, mentres que o 22,9% restante son traballadores autónomos). No que atinxe ao “peso do sector na economía galega”, o estudo do OSIMGA indica que o valor engadido bruto (VEB) do sector TIC galego en 2013 superou os 1.021 millóns de euros, o que representa o 1,9% do PIB de Galicia.
O estudo tamén salienta a importante contribución do tecido tecnolóxico-dixital “á creación dun ecosistema” que facilite o desenvolvemento de produtos innovadores. Así, nos tres últimos anos, case un terzo das firmas do sector foi quen de deseñar accións relacionadas con Investigación e Desenvolvemento (I+D). Tres de cada catro destas accións “obtivo resultados comercializábeis”.
Sobre a presenza da muller, por desgraza aínda queda moito por traballar. Así, no informe dise que a súa proporción é do 33,4% fronte ao 66,6% de homes. “A análise da distribución por xénero das funcións dos traballadores”, indícase na investigación de OSIMGA, “amosa unha significativa fenda no persoal adicado especificamente a labores TIC, cun 51,8% de traballadores homes, fronte ao 13,7% das traballadoras que desempeñan tarefas TIC”.
Noutra orde de cousas e en referencia á computación na nube, o observatorio de AMTEGA comunica que o 39,6% das empresas TIC galegas emprega tecnoloxías cloud, 3,5 puntos porcentuais máis que na edición anterior. Desde o punto de vista destes servizos como liña de negocio, a enquisa sinala que o 44,9% das empresas do sector que empregan recursos na nube oferta tamén este tipo de tecnoloxía.
No que atinxe ás comunidades 2.0 e ao uso que lles dan as nosa firmas, un 36,7% das empresas TIC galegas ten presenza nas redes sociais, experimentando un incremento de 3,3 puntos porcentuais neste indicador. As finalidades principais para ter presenza nas redes sociais son as accións dirixidas a mercadotecnia e a captación de novos clientes.
Outra tendencia que se extrae do estudo do OSIMGA é o uso e o desenvolvemento de software para plataformas móbiles: O 63,5% das empresas TIC galegas empregou aplicacións para dispositivos, máis de 7 puntos porcentuais respecto ao ano 2014.
No que se refire ao desenvolvemento específico de software para plataformas móbiles, unha de cada catro empresas TIC galegas ofrece este tipo de servizos, aumentando esta porcentaxe ata o 32,1% no caso das empresas adicadas ás actividades informáticas.
Por outra banda, tres de cada catro empresas TIC galegas realizaron compras de bens ou servizos a través do comercio electrónico, 4,4 puntos máis que no ano anterior e un 27,3 vendeu bens ou servizos en liña durante o ano 2014. As vendas experimentaron un crecemento de 2 puntos porcentuais respecto ao ano anterior.
Ademais, o informe apunta a que o peso das vendas a través de comercio electrónico nas empresas TIC galegas que venden a través da Rede foi dun 38,2%. “O destino principal deste tipo de vendas é Galicia, como área xeográfica cara a que se dirixen máis da metades das vendas, un 51,3%, seguido do 38,7% do resto de España”, engádese na investigación.

PUBLICIDADE