Xa están operativos os primeiros contedores smart de Lugo

venres, 6 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este xoves comezaron en Lugo as probas piloto de xestión intelixente de refugallos sólidos urbanos, unha iniciativa desenvolvida ao abeiro do proxecto Smart City local e dirixida a favorecer a eficiencia, a eficacia, a automatización e a sustentabilidade en materia de recollida de residuos. O piloto incluíu o equipamento dos contadores con sensores conectados que miden o volume de enchido.
A posta en marcha da tecnoloxía foi supervisada polo concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, que explicou que “os colectores novos veñen cun sistema individual de seguimento do nivel de refugallos que acubillan” e que a proba piloto que arrinca esta semana servirá para ver como responden estes equipamentos e cal é o grao de adaptación dos mesmos á cidade.
O edil comentou tamén que “no caso dos recipientes de cartón procederase a modificar tamén o sistema de carga superior por un sistema de carga lateral, o que permite que o baleirado do contedor no camión de recollida sexa más rápido”. Isto, dixo, poría en xogo outra vantaxe, que é unha moito menor interrupción do tráfico con cada operación dos vehículos de recollida.
O concelleiro confirmou que “os contedores unha vez finalizadas as probas colocaranse na zona de Aguas Férreas e Acea de Olga, por unha meirande facilidade de manobra na colocación, maior dispersión dos roteiros para posteriores medicións de cobertura, e máis estabilidade na produción de residuos”.
Segundo engadiu, “a obtención de información sobre o estado de cada contedor mellorará a recollida de residuos, xa que os camións optimizarán as súas viaxes sen ter que pasar por recipientes medio baleiros e recollerán os cheos con máis axilidade, o que evitará impactos ao medio ambiente e axilizará o tráfico ao reducir o paso de camións, co aforro en emisións de CO2 que isto implica”.
Santos engadiu que a iniciativa abéirase á estratexia de Smart City posta en marcha no anterior mandato pola alcaldesa Lara Méndez co obxectivo de facer avanzar a cidade en materia de automatización, xestión, optimización de recursos, comunicación, sustentabilidade e ecoloxía. “Neste caso”, dixo, “non só se avanza nun modelo de Cidade Intelixente senón tamén nun modelo de municipio respectuoso co medio ambiente e á vangarda das solucións sustentábeis, o que suporá unha mellora do benestar e da calidade de vida da veciñanza lucense”.
O edil lembrou que amais de coa recollida de residuos sólidos urbanos, ao abeiro do proxecto smart estase a traballar xa na implantación da Administración Electrónica, en sistemas de xeolocalización para conseguir aparcadoiros intelixentes e na eficiencia enerxética de edificios públicos e o alumeado público, tanto no entorno urbano como rural.
O proxecto Smart City conta cun orzamento de 4.112.801 euros, financiado nun 60% cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER),mentres que o Concello de Lugo aporta o financiamento (1,6 millóns de euros).

PUBLICIDADE