Xa está dispoñible Mists of Pandaria, a cuarta expansión de World of Warcraft

martes, 25 de setembro do 2012 Marcus Fernández

A partir de hoxe os xogadores de EE.UU., Canadá, Europa, Rusia, sueste asiático, Australia, Nova Celandia, México, Arxentina, Chile e Brasil poden dar o salto á cuarta expansión do xogo World of Warcraft, na que poderase descubrir o novo continente de Pandaria, mercando este contido adicional tanto en formato dixital como en tendas por 34,99 euros na súa edición normal ou por 69,99 euros na súa Edición de Coleccionista, que inclúe, aparte do xogo World of Warcraft: Mists of Pandaria, numerosos contidos adicionais: 2 discos con máis dunha hora de comentarios e entrevistas cos desenvolvedores en DVD e Blu-ray, un CD coa banda sonora, un tomo de tapa dura de 208 páxinas con ilustracións do proceso de desenvolvemento titulado The Art of Mists of Pandaria, unha alfombra para o rato e unha montura voadora quilen imperial e a mascota cachorro de quilen da sorte de World of Warcraft, retratos para Battle.net de StarCraft II, un sixilo e un detalle de estandarte de Diablo III. Como novidade tamén estará dispoñible por 49,99 euros a Edición Dixital Deluxe, que incluirá o xogo e os contidos dixitais adicionais do xogo (que tamén poden mercarse por separado por 15 euros).

Os pandarien son a nova raza xogable en World of Warcraft

World of Warcraft: Mists of Pandaria busca revitalizar o xogo masivo en liña de pagamento mediante subscrición de máis éxito a nivel mundial, no que a Alianza e a Horda batallan ata naufragar na costa dun continente que permanecera oculto durante milenios, dando comezo a unha nova era de descubrimentos e conquistas na historia de Azeroth. Entre os novos elementos do xogo destaca a nova raza xogable (os pandarien) coa súa propia zona de inicio e misións, unha nova clase (o monxe) e un novo continente, que permitirán elevar a experiencia dos xogadores ata o nivel 90.


Mostra en vídeo do que achega Mists of Pandaria