Xa está dispoñíbel na Rede a táboa periódica dos elementos en galego

xoves, 14 de marzo do 2019 Redacción

Xa está dispoñíbel para a súa descarga, en formato PDF, a primeira táboa periódica dos elementos químicos en galego. Así nolo comunicou este 14 de marzo o Consello da Cultura Galega, no transcurso dunha xornada de seu (O ano internacional do sistema periódico: reflexións dende Galicia) na que se conmemoraba o 150 aniversario da publicación da primeira entrega de táboa, de mans de Dimitri Mendeleev. Agora, a relación dos elementos na nosa lingua será enviada aos centros educativos, aínda que o seu alcance divulgativo e de uso diario será limitado, posto que o decreto lingüístico vixente afasta a nosa lingua das materias científicas.
O traballo foi posíbel grazas á colaboración entre o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Ciencias, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o grupo de investigación CienciaNOSA. Da táboa periódica editáronse 13.000 exemplares que se difundirán entre a comunidade científica e educativa. Como dixemos, a presentación tivo lugar no marco da xornada O ano internacional do sistema periódico: reflexións desde Galicia, na que se avaliou a repercusión histórica da ordenación dos elementos químicos así como as consecuencias que tivo para o estudo científico na nosa terra.
A cita cos medios foi inaugurada por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, quen sinalou que o documento dado a coñecer é un recurso “de referencia” para o coñecemento da química. Álvarez estivo acompañada do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. O primeiro salientou “a irmandade entre a ciencia e a lingua galega” e cualificou esta tradución como “un xesto importante que nos obriga a reflexionar sobre a necesidade de superar esa diferenciación entre unha lingua para unhas materias ou outras”. Pola súa banda, Valentín García, destacou a relevancia do traballo despregado e de “que circulen por todos os centros dos país” os milleiros de exemplares editados, un total de 13.000 en diferentes formatos (1.000 pósters, 2.000 A4 e 10.000 A5).
No acto tamén estaban presentes os tres autores da tradución: Ana González Noya, Manuel Bermejo e Marcelino Maneiro, que fixeron fincapé no seu obxectivo común de “respectar o que fixeron outras linguas derivadas do latín, como o francés ou o portugués, que acoden á orixe dos nomes dos elementos, que poden ser nomes propios relativos a persoas, lugares ou centros de investigación que dan nome ao elemento químico; criterios totalmente validados e recoñecidos pola comunidade científica”.
A presentación pública da tradución ao galego da táboa periódica viña acompañada doutra achega ao noso ámbito científico, a da publicación Guía dos elementos químicos, que elaboraron Ana González Noya, Manolo Bermejo e Marcelino Maneiro. Ana González explicou que é un libro “que acumula o traballo de moitos anos feito con rigor pero tamén coa pretensión de divulgación científica”. Esta obra presenta todos os elementos químicos coñecidos na actualidade e nela descríbese a historia do seu descubrimento, así como as súas características, comportamento, utilidade e perigosidade. Segundo fixeron saber, “destínase ao público non familiarizado coa química xa que ofrece unha visión lúdica do sistema periódico, ao tempo que reivindica a importancia social e industrial de cada un dos elementos”.

PUBLICIDADE