Xa está dispoñíbel en galego a versión 3.4.1 do paquete ofimático LibreOffice
luns, 4 de xullo do 2011
LibreOffice, a continuación da suite ofimática OpenOffice logo de que esta ficase estancada en mans
de Oracle, continúa a bo ritmo, achegando novas versións, sumando apoios e
demostrando que é posíbel ter unha ferramenta da máxima calidade con total
independencia da influencia empresarial. Así
nolo conta Antón Méixome, membro de The Document Foundation (a comunidade
mundial que se encarga do desenvolvemento do LibreOffice), que informa de que
está xa dispoñíbel a versión 3.4.1 da suite, o que constitúe a segunda versión
estábel da familia 3.4, “enfocada a todos
os individuos e as empresas”. Segundo engade Antón, a versión 3.4.1.
soluciona varios defectos que lle afectan á versión anterior, e pode ser
implantada con seguranza en produción por parte da maioría dos usuarios.
Para quen queira ir dándolle o máximo uso a
este paquete, que como dixemos colle a testemuña e o espírito de OpenOffice
para situalos na vangarda da Rede de hoxe, dicir que xa se pode descargar en
galego dende a páxina web do
equipo que representa á nosa terra en The Document Foundation.
Con todo, cómpre facer aclaracións. A nova
versión presenta novidades importantes, pero a nivel de grandes empresas, aínda
non foi usada, probada e avaliada de abondo como para ofrecer o mesmo nivel de
garantías cá 3.3.3, empregada polo miúdo durante varios meses por milleiros de
usuarios particulares de todo o mundo.
Neste senso, The Document Foundation, ao
recoñecer as necesidades específicas de grandes empresas e usuarios
conservadores, decidiu fornecer dúas versións diferentes do software, para
satisfacer así tanto as necesidades de usuarios avanzados que buscan as novas
funcionalidades como as de usuarios máis prudentes que prefiren a estabilidade
antes cá dispoñibilidade de novas funcionalidades, informa o noso compañeiro
Antón Méixome. E prosegue, ao fío destas
aclaracións: “As versións anunciadas como
estábeis poden implantarse con seguranza en entornos de traballo, aínda cando
algúns dos posíbeis fallos poidan dificultar funcionalidades particulares mais
non teñen impacto sobre a calidade total e a seguranza da produción de
documentos”.