Xa é posible xogar a Gears 5 no servizo de xogo na nube de nVIDIA

xoves, 18 de maio do 2023 Marcus Fernández

Microsoft parece querer deixar ben claro que a súa intención non é dominar o mercado das consolas de videoxogos, senón facer negocio cos xogos con independencia da plataforma na que corran, e así hoxe anuncian que o servizo de xogo na nube nVIDIA GeForce NOW incorpora hoxe mesmo o xogo Gears 5, ao que se unirán o vindeiro 25 de maio os xogos Deathloop, Grounded e Pentiment.
Deste xeito comeza o escenario de 10 anos de colaboración de Microsoft con nVIDIA para facer que os xogos de PC de Xbox Game Studios e Bethesda estean dispoñibles a través do servizo GeForce NOW. Deste xeito, os subscritores do servizo de nVIDIA que comprasen xogos dos estudios de Microsoft en Steam ou a Epic Games Store poderán xogalos en streaming en ordenadores PC e Mac (algo interesante para equipos pouco potentes), dispositivos nVIDIA Shield TV, dispositivos con Android e incluso vía web en Chromebook e trebellos con iOS. Espérase que en poucos meses tamén sexa posible gozar de xogos adquiridos a través da Microsoft Store.
Dende nVIDIA lembran que os subscritores de GeForce NOW Priority poden gozar de Gears 5 en Full HD a 60 imaxes por segundo, mentres que os subscritores da versión Ultimate poden xogar en 4K a 120 imaxes por segundo en modo calidade ou até a 240 imaxes por segundo en modo rendemento.

PUBLICIDADE