Xa á venda New Super Mario Bros. 2 para Nintendo 3DS

venres, 17 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Hoxe chegou ás tendas de videoxogos españolas New Super Mario Bros. 2, título que recupera a acción clásica de desprazamento lateral de Mario e lévao á Nintendo 3DS, permitindo que na súa eterna misión de rescatar á princesa Peach os heroes do xogo, Mario e Luigi, poidan recoller ata un millón de moedas mentres corren, saltan e golpean a través dos máis de 80 niveis que compoñen este atractivo título que inclúe novidades como a posibilidade de converter a bloques e inimigos en moedas grazas a unha flor dourada e contar cun modo febre do ouro. Tamén conta cun modo cooperativo local, de xeito que é posible colaborar con outro xogador para descubrir todos os segredos deste primeiro Super Mario Bros.para Nintendo 3DS e 3DS XL.
Un dos detalles máis destacables deste lanzamento é que chega simultaneamente en soporte físico e como descarga da Nintendo eShop, e aínda que noutros mercados o prezo do xogo é considerablemente máis caro en dixital, en España temos case unha equivalencia de prezos, vendéndose o New Super Mario Bros. 2 por 44,99 euros, mentres que os outros títulos que chegan do mesmo xeito á eShop, New Art Academy e Freakyforms Deluxe teñen as súas versións descargables a 34,99 e 29,99 euros respectivamente. A compra destes produtos como descarga premiarase ata o 24 de setembro co dobre de puntos estrela para o Club Nintendo, ou sexa, 500 puntos cada un.


Anuncio televisivo do xogo que conta coa participación das irmás Mónica e Penélope Cruz

PUBLICIDADE