XGN R Encounter contará con máis de 30 actividades lúdicas e formativas

martes, 6 de outubro do 2020 Redacción

Imaxe dun obradoiro na pasada edición de XGN R Encounter

A XGN R Encounter, que se celebrará en liña os días 10 e 11 de outubro, xa vai definindo os seus contidos. O encontro virtual albergará no seu programa máis de 30 actividades lúdicas e formativas, incluíndo competicións de arte dixital, hardware, software libre e torneos de videoxogos. Ademais, as charlas formativas estarán centradas na intelixencia artificial e a programación. E por se fixesen falta aínda máis atractivos, o programa de televisión que será retransmitido por streaming de forma gratuíta e que servirá de fío condutor ao evento comeza xa a desvelar a identidade dos seus invitados; rostros coñecidos como os protagonistas de La Resistencia Grison e Jaime Caravaca, xunto a coñecidos streamers, serán entrevistados durante o programa.
Deste xeito, a XGN R Encounter está xa ultimando os detalles para presentar en breve o seu programa de actividades. Nesta edición número vinte habilitáronse 1.080 prazas virtuais, dispoñibles de forma gratuíta a través da páxina web do evento para aqueles que queiran participa.

Programa de televisión

Moitas das actividades, tanto dirixidas aos inscritos como abertas ao público xeral, serán retransmitidas e comentadas nun extenso programa que se emitirá en streaming durante os dous días do evento, a través de Twitch. A través desta canle fomentarase a interacción cos participantes, que ademais recibirán información de interese sobre o propio evento. Xunto a entrevistas e actividades formativas, haberá tamén tempo para as actuacións musicais e o humor.
A Feira Internacional de Galicia ABANCA atópase actualmente a pleno rendemento para culminar a organización desta edición, a cuarta con R como colaboradora e patrocinadora oficial, que proporciona ademais a conectividade ao evento, e que de novo conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.

PUBLICIDADE