X permitirá realizar chamadas de voz e vídeo
xoves, 31 de agosto do 2023
Elon Musk fixo un
anuncio bastante importante relativo a X/Twitter: o servizo incorporará
chamadas de voz e vídeo. Asegura que esta novidade funcionará en iOS,
Android, Mac e PC, non precisaría número de teléfono asociado á conta e
permitiría así que X funcionase como unha axenda de contactos global. Tamén matizaría
que inicialmente non permitiría comunicacións cifradas, pero que prevén que exista
a opción de poder activar o cifrado no futuro, aínda que non é unha prioridade.
Este anuncio resulta un tanto sorprendente polo feito de apuntarse que
funcionará en Windows e macOS, xa que as aplicacións de escritorio de X/Twitter
están practicamente abandonadas: no caso da versión
para PC basicamente abre a versión web de X, e a de macOS levan
sen actualizar dende outubro de 2022 (ou sexa, que estaría abandonada dende a
entrada de Musk na compañía).
Grazas a unha
imaxe da deseñadora Andrea Conway podemos saber o aspecto que pretenden ter
as videochamadas dentro de X/Twitter, que vén a ser unha opción dentro das
mensaxes directas. Non parece haber diferenzas substancial entre esta forma de
comunicación e as chamadas de voz e vídeo a través de Messenger ou Instagram,
polo que haberá que ver se realmente os usuarios atopan algún atractivo ao feito
de poder comunicarse en tempo real con outros usuarios dunha plataforma que non
cesa de perder pulo.
Conway tamén compartiu nas ultimas semanas detalles sobre novidades relativas á
publicación de vídeo en X, que resultan interesantes e dan a entender que
pretenden competir con YouTube, aínda que cunha infraestrutura moi inferior, polo
que non parece moi razoable vender X como unha plataforma audiovisual, cando
tradicionalmente o seu forte foi o texto.