WordPress.com permite integrar pagamentos recorrentes

xoves, 14 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que os contidos escritos de pagamento son algo moi pouco habitual na Rede, moitos creadores non conseguen ingresos dabondo a través da publicidade e teñen que optar por financiarse con achegas por parte do público. Estas fórmulas normalmente non son doadas de implantar, pero WordPress.com vén de estrear unha nova fórmula para os seus usuarios: os pagamentos recorrentes.
Esta nova funcionalidade de WordPress.com e Jetpack (ou sexa, que poden empregala tamén webs que non estean hospedadas dentro de WordPress.com, pero que si paguen polo servizo Jetpack) permite que os creadores de contidos poidan establecer pagamentos periódicos, que poden ser doazóns, subscricións a un boletín ou polo acceso a contido exclusivo.
Esta nova solución funciona coa plataforma de pagamentos Stripe, pode integrarse en blogs de WordPress a través do propio editor de bloques do xestor de contidos, e permite definir as condicións dos pagamentos recorrentes (moeda, cantidade, frecuencia...). Deste xeito, os creadores que fagan uso de WordPress xestionar dun xeito natural as subscricións en vez de ter que empregar solucións externas como Patreon para financiar os seus proxectos.
Os pagamentos recorrentes só están dispoñibles para a súa integración por parte de usuarios de pagamento de WordPress.com, tendo diferentes comisións en función do plan contratado, e non é a única opción de monetización integrada, xa que tamén ofrecen a posibilidade de recibir pagamentos únicos, inserir publicidade ou montar tendas en liña con WooCommerce.

PUBLICIDADE