Wonder Woman 1984 sorprende cunha estrea simultánea en cines e HBO Max (nos EE.UU.)

mércores, 18 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O filme Wonder Woman 1984 parecía chamado a facer historia por mor do xeito que a pandemia o levaría a cines e mercado doméstico, pero finalmente o lanzamento comercial desta produción vai ser moito máis radical do esperado, e tras os rumores de que a película chegaría ao mercado doméstico 2 semanas despois que aos cines, acurtando as fiestras de explotación tradicionais dun xeito drástico, finalmente confírmase de que tal fiestra non existirá, e na xornada de Nadal Wonder Woman 1984 chegará simultaneamente a cines e a HBO Max.
Estamos ante unha estrea sen precedentes, que vai moito máis aló do que Disney+ fixo con Mulán, xa que desta volta non é preciso realizar ningún pagamento adicional por parte dos subscritores de HBO Max para poder gozar do filme dirixido por Patty Jenkins, o que converterá a esta produción nun dos grandes alicientes para subscribirse á plataforma de vídeo baixo demanda de WarnerMedia.
Esta revolucionaria decisión parece tomarse ante a previsión de que haxa moitas salas de exhibición pechadas ou que a súa capacidade estea limitada como prevención ante a situación sanitaria global, e un dos detalles máis interesantes deste modelo de estrea será comprobar se as salas de cine pasan polo aro e toleran coexistir co streaming, algo ao que se negaron no pasado, aínda que o feito de estar practicamente todo o ano sen estreas superheroicas podería forzar a que as grandes cadeas de cine accedesen a empregar unha fórmula de explotación que será digna de estudo e podería marcar un antes e un despois.
Os responsables de Wonder Woman 1984 poderían ter optado por explotar a obra unicamente en liña, pero cren na experiencia do cine e na importancia das salas de exhibición, polo que apostan por facilitar que os que queiran gozar por ese tipo de experiencia poidan facelo, á vez que non queren pechar a porta a moitos espectadores que por mor da pandemia prefiren non acudir a unha sala de cine. Tamén cren que a produción é merecedora dunha estrea ao grande, e non verían xusto que unha película na que se fixeron tantos esforzos rematase tendo unha estrea que moitos considerarían de segunda.

A estrea internacional

Pero o anuncio de WarnerMedia ten letra miúda, xa que, ao non estar dispoñible HBO Max internacionalmente, quixeron que a estrea cinematográfica de Wonder Woman 1984 no resto do mundo goce de certa protección, de xeito que a estrea internacional do filme está fixada para o 16 de decembro nos territorios nos que aínda teñan cines abertos, o que podería levar a que esta produción tivese uns resultados na liña de Tenet, e non padecese as consecuencias dunha estrea paralela en streaming (que sen dúbida irá acompañada pola piratería que disuadiría a moitos a ir ao cine no contexto sanitario actual).

No último tráiler de Wonder Woman 1984 anuncian a fórmula de estrea que van adoptar nos EE.UU.

ACTUALIZACIÓN (19-11-2020): Confírmase que a estrea española de Wonder Woman 1984 será o 18 de decembro.

PUBLICIDADE