Withings presenta un reloxo de pulso capaz de realizar electrocardiogramas

luns, 7 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A incorporación da función de electrocardiograma no Apple Watch Series 4 semella que causou sensación (aínda que a España aínda non chegou tal prestación, por ter que agardar á autorización das axencias europeas correspondentes por considerarse un produto de saúde), e aínda que os sensores deste tipo poden adquirirse a xeito de accesorio, dende Withing tiveron a ben seguir os pasos da compañía da mazá e acudiron ao CES de Las Vegas cun novo produto: o reloxo de actividade Move ECG.
Este reloxo que sairá á venda en primavera vén ser unha variante do Withings Move, reloxo de pulso con funcións de pulseira de actividade, que cunha estética de reloxo analóxico serve tamén para rexistrar os pasos, as carreiras, o sono, o nado... pero que nesta nova versión inclúe un sistema de electrocardiograma que pode empregarse en calquera momento.
A intención deste reloxo con batería para 12 meses é poder detectar problemas cardíacos, como arritmias, o que pode axudar a previr infartos de miocardio e, especialmente, detectar certos problemas antes de que se presenten síntomas evidentes, de xeito que temos unha ferramenta orientada principalmente á prevención. Aparte da grande autonomía, ao estarmos ante un dispositivo resistente á auga, pode levarse todo o vía posto, conseguindo así un completo rexistro da actividade física.
Para realizar un electrocardiograma co Move ACG chega con abrir a aplicación móbil do accesorio e suxeitar cun par de dedos a caixa do reloxo durante 20 segundos, tras o que teremos o electro na aplicación, facilitando así incluso o envío do resultado a un especialista.
O prezo deste reloxo de Withings está previsto que sexa duns 130 dólares.

PUBLICIDADE