Windows 10X non será unha realidade este ano

venres, 7 de maio do 2021 Marcus Fernández

No outono de 2019 Microsoft anunciou que estaba a preparar Windows 10X, un sistema operativo orientado a equipos portátiles con dobre pantalla que vería a luz en pouco máis dun ano, pero o proxecto non parece estar a avanzar como era desexable, e xa hai informacións que apuntan a que Windows 10X nin sequera estará dispoñible en 2021, e incluso podería chegar a non ver a luz nunca.
Tendo en conta que Microsoft anunciou hai pouco que superaron os 1.300 millóns de instalacións activas de Windows 10, poderiamos entender que non hai necesidade de lanzar versións diferentes do seus sistema operativo, especialmente despois das malas experiencias de Windows RT e Windows 10S.
O feito de que Windows 10X estea orientado a equipos con formatos diferentes aos actuais sería o principal atranco para o lanzamento dunha versión diferente de Windows 10, xa que o mercado non ten actualmente unhas condicións que favorezan este tipo de revolucións, e probablemente haberá que agardar bastante até que ousen a revolucionar Windows 10.

PUBLICIDADE