Wiitoob.com: o Youtube especialmente deseñado para a Wii

xoves, 15 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Especialmente pensado para os wiinómanos (non se me ocorre outra definición mellor para os amantes da exclusiva consola de Nintendo) e, como non, para os que apostan forte polo futuro dos vídeos en liña, sae á luz o WiiToob, unha adaptación do popular portal web YouTube deseñada para ser vista en pantallas grandes dende o navegador da Wii. Se deitarse no sofá, coller o mando, prender a televisión e facer zapping polas distintas cadeas (nas que é improbable atopar algo interesante), é unha estampa cotiá na maioría das familias, a partires de agora, deitarse no sofá, coller o mando da Wii (semellante ó da televisión), acender a consola (de paso acender tamén a “caixa parva”), conectar o navegador de Internet Opera que inclúe de balde e visionar vídeos directamente do Youtube serán acenos moito máis frecuentes do que podemos imaxinar grazas a Wiitoob.com, un portal que, co fin de afacerse á popular consola, integra menús e vídeos máis grandes axeitados para a súa estética.
Este novo sitio, aproveita os vídeos do Youtube cunha feitura en consoancia cos menús da consola e apresenta uns accesos moito máis cómodos e axustados ó punteiro da Wii, máis grande có dun ordenador. Ademais, cando se preme sobre as ligazóns para reproducir os vídeos, estes aparecen nunha ventá de maior tamaño cás da páxina orixinal debido precisamente a ter sido deseñado para pantallas maiores e distancias máis longas cás que o usuario gardaba co seu computador.
E non só iso, Wiitoob inclúe (entre outras moitas cousas) opcións para acceder ós vídeos máis vistos, ós máis comentados e incluso a un blog que vai anunciando as novidades da web.
Deste xeito, desfrutar dos vídeos en liña do Youtube para matar o tempo (aínda que algúns teñamos pouco como para matalo) poderase facer comodamente dende o sofá da casa e a través da televisión, e non dende os PCs como viña sendo habitual (sorte dos que teñen unha gran pantalla de plasma, porque o resto dos mortais non notaremos tanto cambio respecto do monitor do PC... e aínda digo máis: o resto dos mortais teremos primeiro que mercar a Wii para poder notar a diferenza).

PUBLICIDADE