Wii U Pro permitirá un control clásico na Wii U

luns, 4 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Adiantándose á celebración da feira E3, na que Nintendo vai estar extraordinariamente activa para poder dar conta de todo o que prepara para os vindeiros meses (xa que, aparte de ter unha consola portátil bastante nova, vai estrear consola doméstica en 2012) preparou unha edición de Nintendo Direct, vídeo no que Satoru Iwata, presidente da compañía, explicou como Wii U revolucionará o xeito no que os xogadores conectarán cos xogos grazas ao Wii U GamePad (accesorio que fará de segunda pantalla, e que contará con capacidades táctiles) pero tamén presentou un novo control que agradecerán os xogadores máis tradicionais: o Wii U Pro.
Está claro que o Wii U GamePad terá certos xogos nos que resultará revolucionario e divertido, pero para xogos máis normais, e principalmente para os que teñen certa moita acción, un mando máis tradicional tería máis sentido, de aí que Nintendo anuncie o mando Wii U Pro, que podería lembrar ao mando sen fíos da Xbox 360, aínda que de facermos memoria podemos atopar certa semellanza co mando da GameCube, aínda que cun acabado máis serio.
O lanzamento dun mando tan tradicional para a Wii U ten bastante sentido, pois varios estudos confirmaron que lanzarán versións dos seus xogos de Xbox 360 e PlayStation 3 para a nova consola de Nintendo, polo que a demanda dun sistema de control na mesma liña era evidente.
Podemos ver a presentación íntegra de Nintendo no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE