WhatsApp por fin pode instalarse en tabletas

mércores, 30 de novembro do 2022 Marcus Fernández

A versión de proba de WhatsApp para Android está a alertar a boa parte dos seus usuarios dunha novidade longamente agardada: a posibilidade de poder instalar WhatsApp en tabletas con Android.
A nova funcionalidade aproveita a posibilidade de vincular outros dispositivos, como xa pode facerse con equipos de escritorio e con outros móbiles, para permitir a instalación de WhatsApp en tabletas usando directamente a aplicación oficial do servizo, sen ter que recorrer á súa versión web.
Cando instalamos WhatsApp nunha tableta podemos elixir o idioma no que queremos a aplicación e logo teremos que vincular o novo smartphone coa tableta a través dun código QR, ou sexa, que a aplicación compórtase de xeito idéntico á versión de WhatsApp para escritorios informáticos, non permitindo a introdución dun número de teléfono directamente.
Por fortuna, o funcionamento desta solución mellorou até o punto de que non é preciso ter o smartphone conectado constantemente para que a aplicación vinculada poida funcionar, de xeito que o móbil só sería necesario para dar de alta o número e vincular os dispositivos secundarios, que poden pasar a utilizarse con normalidade incluso aínda que apaguemos o móbil.
Espérase que esta nova función chegue a todos os usuarios da beta de WhatsApp nos vindeiros días, como anticipo á súa dispoñibilidade para todos os usuarios de WhatsApp.

PUBLICIDADE