WhatsApp mellora a súa seguridade cifrando todas as comunicacións de extremo a extremo

martes, 5 de abril do 2016 Marcus Fernández

Open Whisper Systems, compañía contratada por WhatsApp para mellorar a seguridade da súa plataforma de mensaxería instantánea, anuncia hoxe o remate da integración do protocolo Signal en WhatsApp, ou sexa, que a partires de agora as comunicacións entre usuarios de WhatsApp (que teñan instalada a última versión da aplicación) en Android, iPhone, Windows Phone, Nokia S40, Nokia S60 e BlackBerry estarán cifradas de extremo a extremo, garantindo a seguridade das comunicacións.
Signal é un protocolo de código aberto que busca fornecer o cifrando de comunicacións de mensaxería instantánea, facendo practicamente imposible descifrar as mensaxes intercambiadas entre usuarios, realizándose o cifrado nos móbiles, de xeito que nin sequera os responsables de WhatsApp poden coñecer os contidos das comunicacións.
Aínda que WhatsApp agora cifra sempre as súas comunicacións, os usuarios máis desconfiados poden agora verificar a autenticidade das súas sesións cifradas a través do escaneo dun código QR ou da lectura en voz alto dunha cadea de texto que se liga ás conversas, sendo posible que os usuarios poidan marcar na sección de seguridade da aplicación se queren recibir unha notificación cando o código de seguridade dun contacto cambie.
A revista Wired publicou unha ampla reportaxe sobre WhatsApp, lembrando que en 2013 iniciaron o cifrado na súa aplicación (en vista da preocupación dos usuarios ante as facilidades para espiar as súas comunicacións por WhatsApp que chegou a provocar a filtración de contidos persoais en non poucas ocasións) e en 2014 o servizo decidiu cifrar parte da súa rede, lembrando os problemas que isto está a traer coas autoridades gobernamentais e xudiciais de varios países, xa que as autoridades quere poder pinchar as comunicacións que, ao estar cifradas de extremo a extremo, non pode facerse de xeito efectivo, o que complícase aínda máis coa última actualización, de xeito que na actualidade hai preto de mil millóns de usuarios que empregando WhatsApp están cifrando as súas comunicacións, manténdoas afastadas de miradas alleas.
A propia páxina web de WhatsApp inclúe agora unha sección na que detallan a súa política de seguridade e privacidade, advertindo de que agora o cifrado de extremo a extremo estará sempre activo entre usuarios que empreguen a última versión da aplicación móbil, o que permite falar con liberdade, garante que as mensaxes pertence aos usuarios (e non ao servizo a través das que se intercambian), facilita sistemas para comprobar se as comunicacións están cifradas e incluso achegan unha explicación técnica detallada da tecnoloxía empregada, Deste xeito deberían calar as voces críticas coa seguridade de WhatsApp, que está a demostrar sobradamente ser superior a de varios dos seus competidores que levan tempo presumindo dun nivel de seguridade moi discutible.

WhatsApp fai saber dende a súa aplicación da mellora de seguridade completada hoxe

PUBLICIDADE