WhatsApp incorpora seguridade biométrica en iOS

luns, 4 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A última actualización de WhatsApp para iPhone incorpora unha interesante novidade: empregar Face ID ou Touch ID para desbloquear a aplicación. Para facer tal chega con acudir a Configuración -> Conta -> Privacidade e activar o bloqueo de pantalla.
Con este bloqueo WhatsApp permitirá responder mensaxes dende as notificacións, pero impedirá o acceso á aplicación sen empregar identificación biométrica, ou sexa, que pretende principalmente evitar que olladas indiscretas poidan acceder ás nosas conversas nun momento no que teñan acceso físico ao noso dispositivo móbil.
É posible configurar que o bloqueo da aplicación non sexa instantáneo, senón que se realice cada certo tempo, e como curiosidade pode comentarse que durante o bloqueo de pantalla as conversas de WhatsApp aparecerán borrosas nas pantallas de multitarefa, ou sexa, que coidaron con bastante detalle a seguridade da aplicación.
Polo momento non hai prazo para a incorporación dunha protección equivalente na versión para Android de WhatsApp.

PUBLICIDADE