WhatsApp incorpora adhesivos ás conversas

xoves, 25 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Os servizos de mensaxería instantánea non cesan de emular as funcionalidades dos seus competidores, de xeito que temos practicamente a mesma experiencia de uso en todos os escenarios, de aí que non sorprenda que nas últimas horas WhatsApp incorporase os stickers ou adhesivos, gráficos de grande tamaño que pretenderían complementar ás emoticonas como un xeito de resposta sen palabras, pero cun nivel de detalle maior.
Os adhesivos nos chats é algo que podemos ver en Facebook ou en Twitter dende hai bastantes anos, e ferramentas como LINE incluso empregaba este elemento como modelo de negocio (ofrecendo lotes de adhesivos de pagamento) e agora WhatsApp incorpora a mesma funcionalidade cun funcionamento moi semellante ao que ten en Facebook e, de feito, moitos dos lotes de adhesivos veñen directamente do Messenger.
Cómpre lembrar que os adhesivos non só permiten diversificar o xeito de expresarnos, senón que tamén son unha boa canle promocional, de xeito que tamén é habitual que xurdan lotes de stickers antes da estrea dun filme, presentando aos seus personaxes en distintas situacións para instar a compartir esas divertidas imaxes e, de paso, que os propios usuarios sexan os que fan publicidade das grandes producións.

PUBLICIDADE