WhatsApp experimenta unha caída global de preto de 2 horas

martes, 25 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Dende aproximadamente as nove da mañá o servizo de mensaxería instantánea WhatsApp experimenta problemas de funcionamento a nivel mundial, nunha caída que semella estar na parte dos servidores da compañía, polo que os usuarios non poden facer máis que agardar a que resolvan a incidencia.
Confirmouse que non é posible enviar mensaxes, realizar chamadas, rexistrarse no servizo, actualizar a información no servizo ou nin sequera realizar copias de seguridade das conversas en servidores na nube, o que poderiamos describir como unha caída completa de WhatsApp, sobre a que Meta aínda non deu información publicamente.
Este tipo de caídas son algo bastante habitual, normalmente debidos a problemas de configuración ou a avarías en sistemas críticos, sendo bastante habitual que se solucionen en poucos minutos, e só chegando a durar horas un par de veces ao ano, aínda que nesta ocasión a repercusión está a ser bastante importante no noso territorio por ter acontecido nun horario de grande actividade.

ACTUALIZACIÓN: O servizo parece completamente restituído ás 10:52.