WhatsApp convida a rachar as cadeas de mensaxes

mércores, 11 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Compartir información falsa a través de redes sociais é un grande problema para a nosa sociedade, pero aínda así é bastante probable que poidamos rastrexar a orixe ou a fonte dunha nova, pero no caso de WhatsApp o problema magnifícase, non só porque a xente tende a compartir textos e imaxes sen indicar a procedencia, senón porque en moitas ocasións confundimos a autoría, pensando que o texto que recibimos é obra do remitente, e non dun terceiro descoñecido, de xeito que os contidos recibidos chegaban coa reputación do seu remitente, dándolle credibilidade. Para evitar que isto facilite a proliferación de novas falsas ou simplemente clarexar que non todo o que recibimos é obra da persoa que o envía, tras varias semanas en probas WhatsApp fai oficial unha nova prestación que consiste en indicar como Reenviado cada contido que fose replicado a través da propia aplicación.
Dende WhatsApp, ao estrear esta nova función, fan unha chamada á responsabilidade á hora de compartir contidos, e piden que os usuarios recapaciten antes de reenviar mensaxes que chegue reenviados por outras persoas, ante a posibilidade de que se trate de información falsa, convidando así a rachar coas mensaxes en cadea que tantos problemas causaron nos últimos anos.

PUBLICIDADE