WhatsApp comeza a transcribir as mensaxes de voz a texto no iPhone

martes, 2 de maio do 2023 Marcus Fernández

As últimas versións de proba de WhatsApp para iOS están a facilitar unha interesante opción dentro da aplicación que consiste en transcribir as mensaxes de voz a texto, realizándose estas interpretacións das mensaxes en local (ou sexa, que as nosas mensaxes están afastadas das miradas de servizos de transcrición externos).
A nova funcionalidade resulta especialmente práctica cando recibimos unha mensaxe de voz e non podemos escoitala (por exemplo, nunha xuntanza ou mentres se está a escoitar outra cousa) e cunha simple mirada ao teléfono podemos saber de que trata a mensaxe, por se é algo importante que teñamos que atender con urxencia.
Esta función que reduce as interrupcións que provocan as mensaxes de voz funciona en árabe, cantonés, mandarín, inglés, francés, alemán, italiano, xaponés, coreano, portugués, ruso, turco e español, e queda agora agardar a que se incorpora na versión oficial da aplicación e a que dea o salto a outras plataformas.

En Windows tamén se aposta pola voz

A versión de proba de WhatsApp para Windows tamén está a recibir unha interesante novidade relativa ás mensaxes de voz, que consiste en que cando escoitamos unha mensaxe podemos saír da conversa na que se atope e seguir escoitando, aparecendo un pequeno reprodutor multimedia na parte inferior da listaxe de conversas de WhatsApp.
Ver como WhatsApp está a introducir tantas melloras relativas ao son dá a entender que este tipo de comunicación ten cada vez máis forza, de aí que unha aplicación que comezou sendo unha alternativa ás mensaxes de texto cada día é máis oral e multimedia, polo que ten que adaptarse ás demandas dos usuarios.

PUBLICIDADE