WhatsApp comeza a permitir compartir pantalla nas videochamadas

martes, 30 de maio do 2023 Marcus Fernández

Semella que nas últimas semanas en WhatsApp non separan o pé do acelerador, e non paran de incorporar novidades á súa versión de proba, sendo bastante interesante a última funcionalidade que están a recibir os usuarios de versións a partir da 2.23.11.18, pois mellora considerablemente a utilidade das videochamadas ao facilitar compartir pantalla durante as mesmas sempre que lle deamos os permisos pertinentes á aplicación.
Cando se activa esta nova opción o sistema advirte de que a pantalla gravarase e compartirase co noso interlocutor, o que resulta de grande utilidade cando queremos amosar algo do noso móbil a outra persoa dun xeito rápido e, moi especialmente, cando queremos explicar como se fai algo no móbil.
Polo momento a nova función está a espallarse entre os usuarios de WhatsApp Beta para Android, e precisa que ambos participantes dunha videochamada teñan a aplicación actualizada para gozar desta atractiva prestación.

PUBLICIDADE