WhatsApp anuncia que terá canles

xoves, 8 de xuño do 2023 Marcus Fernández

WhatsApp está a preparar unha nova funcionalidade, as chamadas canles, que permitirá dun xeito sinxelo, fiable e privado recibir novidades importantes de persoas e organizacións a través da aplicación de mensaxería instantánea, e que poderán seguirse dentro dunha nova pestana na aplicación que se chamará Novidades, de xeito que este tipo de comunicacións poderanse diferenciar claramente dos chats con amigos e familiares e das comunidades.
As canles de WhatsApp son ferramentas de transmisión unidireccional para que os administradores das mesmas envíen textos, fotografías, vídeos, adhesivos e enquisas. Estas canles estarán dispoñibles para a subscrición a través dun directorio dentro de WhatsApp (agás que o administrador prefira manter a canle en privado), aínda que tamén poderá accederse ás mesmas a través dunha ligazón que pode compartirse ou publicarse en liña.
O interesante deste novo xeito de difundir información a través de WhatsApp é a protección da información persoal, xa que o número de teléfono e a foto de perfil do administrador da canle non se amosarán aos seareiros, e as persoas que se unan a unha canle tampouco compartirán o número de teléfono co administrador nin co resto de seareiros.
A información publicada nas canles manterase nos servidores de WhatsApp durante 30 días como máximo, e engadirán xeitos de que as novidades desaparezan aínda máis rápido nos dispositivos dos seareiros. As funcións de captura de pantalla e reenvío de contido dende as canles tamén poderán limitarse por parte do seu administrador.
Dende WhatsApp explorarán a posibilidade de construír negocios en torno ás canles.

PUBLICIDADE