WhatsApp abre as portas aos adhesivos animados
xoves, 2 de xullo do 2020
As versións de proba de WhatsApp xa están a recibir novidades
que nos vindeiros días pasarán a ser oficiais, e supoñen cambios moi
visuais para a aplicación de mensaxería instantánea, sendo probablemente a máis
salientable a incorporación de adhesivos animados, estando xa dispoñible o
primeiro lote de stickers animados, axudando así a que os usuarios
poidan ter comunicacións máis expresivas.
Outra funcionalidade interesante, pero que tardará en conseguir tracción ante a
falta de hábito dos usuarios, é o uso de códigos QR para intercambiar
contactos, de xeito que cando coñezamos a alguén e queiramos introducir o seu
número na nosa axenda de contactos, chegará con empregar WhatsApp para captar
un código na pantalla do teléfono do que queremos rexistrar o seu número,
axilizando así a operación e evitando os posibles erros dunha introdución
manual.
Nos escritorios informáticos, que poden acceder a WhatsApp a través dunha
aplicación ou dunha interface web, teñen agora tamén dispoñible o modo escuro
que leva uns meses dispoñible no móbil, conseguindo así unha experiencia máis
uniforme.
As videoconferencias en grupo con até 8 participantes tamén reciben unha
novidade moi curiosa, que consiste en que, cando premamos de xeito prolongado
sobre unha das persoas na conversa en vídeo a súa imaxe maximizarase, para
poder centrar a atención nun participante en concreto. Tamén axilizan as videoconferencias
grupais incorporando unha icona de vídeo nos chats de grupo que conten con 8
participantes ou menos.
A última novidade en chegar nos vindeiros días a WhatsApp sería que os usuarios
de móbiles con KaiOS contarán por fin cos estados que permiten compartirse
durante 24 horas.
Vídeo no que fan un repaso das novidades que estes días recibirá WhatsApp