WhatsApp, Facebook e Instagram experimentan problemas durante un par de horas

domingo, 14 de abril do 2019 Marcus Fernández

Entre algo despois das 12:30 horas e un chisco antes das 15:00 horas as comunicacións a través de WhatsApp, Facebook e Instagram non puideron realizarse por mor dunha incidencia a escala global que imposibilitou o uso destas ferramentas en liña para frustración de millóns de usuarios de todo o mundo que quedaban incomunicados a través das súas canles preferentes actualmente, de xeito que tiveron que recorrer a mensaxes de texto dende o móbil ou incluso a chamadas telefónicas, métodos de comunicación cada vez menos frecuentes.
Hai un mes os servizos de Facebook experimentaron unha caída semellante atribuída a un erro de configuración, e o feito de que en tan pouco tempo se repita unha grave incidencia chama á reflexión sobre o perigo que supón que as grandes plataformas sociais da actualidade pertenzan a unha mesma compañía e compartan infraestrutura de rede, de xeito que certas incidencias deixan sen alternativa á meirande parte de usuarios.
Como era de esperar, a caída de Facebook e Instagram disparou o uso de Twitter, plataforma que non experimentou problemas na xornada de hoxe, e na que os fallos da competencia foron tendencia.

PUBLICIDADE