Western Digital estrea tarxetas de expansión para Xbox Series X|S

martes, 6 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Mentres que para ampliar o almacenamento interno dunha PlayStation 5 é preciso abrir a consola e instalar unha unidade SSD de certas características no seu interior, dende Microsoft quixeron que o proceso para facer tal nas Xbox Series X|S fose máis sinxelo, polo que as consolas contan un porto de expansión no que pode instalarse unha tarxeta de almacenamento de alta velocidade, que até o momento tiña como grande fabricante a Seagate, compañía que comercializa unidades en tamaños de 512 GB, 1 TB e 2 TB, a uns prezos bastante elevados, de aí que sexan moi benvida a chegada da competencia da man de Western Digital.
Agora podemos facernos cunha tarxeta de expansión d WD_Black C50 de 500 GB ou de 1 TB a un prezo de 99,99 euros e 149,99 euros, cando actualmente en MediaMarkt podemos atopar os modelos equivalentes de Seagate a 175 e 199 euros respectivamente, ou sexa, que agora hai unha guerra de prezos que pode resultar moi beneficiosa para os consumidores.
Se ben a opción escollida por Sony resulta bastante máis económica, xa que o mercado das unidades SSD normalizou os seus prezos (tras uns anos bastante revoltos), non faltará quen prefira unha opción tan doada como a de Xbox (simplemente pinchar a tarxeta na consola), principalmente porque é de esperar que os xogadores de consola non teñan que realizar intervencións no seu hardware do mesmo xeito que sería de esperar en xogadores de PC.

PUBLICIDADE