We Happy Few convídanos a fuxir da falsa felicidade

venres, 10 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O pequeno estudio de videoxogos Compulsion Games, que no seu día sorprendeu con Contrast, estrea hoxe We Happy Few, unha perturbadora aventura ambientada en Inglaterra en 1960 nunha especie de universo alternativo no que a poboación de Wellington Wells vive alegre grazas á negación que permite unha droga (Joy) e da que tres rebeldes cidadáns con narrativas entretecidas queren fuxir, para o que teñen que pasar desapercibidos.
O xogo non só ten un argumento curioso, senón que a súa estética tamén é moi peculiar, e con grande personalidade, e para que a experiencia sexa sempre diferente o mundo ao que nos enfrontemos será xerado de xeito automatizado. Tamén é posible elixir entre distintos niveis de dificultade e outras opcións de personalización, para que cadaquén se enfronte á experiencia que lle resulte máis atractiva.
Aínda que podería parecer que estamos ante un xogo modesto, realmente temos unha produción moi completa, que incluso ten pase de tempada que incluirá tres contidos descargables que irán saíndo nos vindeiros meses.
Amais, como un xeito de introducir aos usuarios neste mundo, teñen dispoñible para PlayStation VR o xogo We Happy Few: Tío Jack en directo VR, que podemos descargar de balde na PS4 para así axudar ao tío Jack a producir un espectáculo televisivo contando só as novas máis felices e asegurar así que os habitantes de Wellington Wells non esquecen a súa dose de alegría. Aparte de ter que tratar co tío Jack tamén haberá que sobrevivir ao ataque dunha rebelión que chega até o estudio e explorar máis de 40 episodios do tío Jack, o que é un xeito moi orixinal de introducirse no mundo de We Happy Few que agradecerán os que teñan un casco de VR na PS4.
Pero, aparte de para PlayStation 4, We Happy Few tamén pode mercarse xa para Xbox One e para PC (Steam). As versións de consola poden atoparse en formato físico, mentres en PC o xogo só está dispoñible como descarga.

Tráiler de lanzamento de We Happy Few

PUBLICIDADE